Masacre de xornalistas

Á matanza xeralizada de poboación civil que se leva a cabo en Gaza e, en menor medida, na Cisxordania —coas nenas e os nenos protagonistas dramáticos dun xenocidio que é tamén infanticidio—, hai que engadir, seguindo datos fornecidos pola organización Reporteiros Sen Fronteiras (RSF), máis de 60 xornalistas vítimas da violencia bélica israelí, sendo así que o número de xornalistas asasinados en apenas dous meses en Gaza iguala aos rexistrados no período dun ano en todo o mundo. O presidente español da organización internacional de cronistas e informadores, Alfonso Bauluz, fala mesmo dun "masacre de xornalistas", tal é a cifra de profesionais mortos violentamente a mans do exército exterminador do que é responsábel máximo Benjamin Netanyahu.

Se manexamos datos, máis actualizados, da ONG Campaña Emblema de Prensa (PEC, polas súas siglas en inglés), o número de xornalistas asasinados na Franxa de Gaza ascende a 81, o que se materializa —segundo un informe presentado pola organización en Xenebra nos pasados días— como a máis elevada cantidade de informadores e reporteiros executados nun conflito tan breve no tempo, o que equivale a un xornalista matado a diario. E o presidente da PEC, como é lóxico, clamou diante das Nacións Unidas para investigar de xeito oficial as circunstancias nas que se produciron as mortes dos comunicadores en Gaza, enfatizando que os responsábeis dos crimes deben responder ante a Xustiza.

Acaso a eliminación sistemática de profesionais da información en Gaza por parte de Israel non é un xeito expreso e inmediato de ‘silenciar o mensaxeiro’? Os xornalistas, fotógrafos, cámaras e cronistas son os ‘nosos ollos’ e os ‘nosos ouvidos’ sobre o terreo, e por iso mesmo, diante da matanza e da destrución levada a cabo polo exército invasor, acaban sendo un obxectivo principal, molestas testemuñas que deben ser liquidadas e suprimidas.

E non está de máis, diante da barbarie perpetrada polas forzas bélicas israelís, lembrar que o artigo 79 da Convención de Xenebra establece que "os xornalistas en zonas de guerra deben ser tratados como civís e protexidos como tales". Mais nin á Unión Europea nin aos EE.UU., verdadeiramente implicados nos feitos, semella importarlles as mortes crecentes de profesionais da información no inferno dantesco que a humanidade enteira sofre hoxe nos territorios ocupados e masacrados de Palestina.

Comentarios