Netrumpyahu

Netanyahu y Trump en la Casa Blanca. EFE
Netanyahu y Trump en la Casa Blanca. EFE

Tal como escribimos arestora 'Netrumpyahu' tamén poderíamos escribir, seguindo o mesmo xogo de letras, 'Bidenyahu', pois a alianza entre Donald Trump e Netanyahu para persistir no xenocidio en Palestina —máis de 500 gazatís asasinados nas últimas horas, en pleno alto o fogo— tivo o seu precedente no anterior mandatario estadounidense, activo colaborador no exterminio organizado do pobo palestino na Franxa de Gaza. Mais Trump, en consonancia con Netanyahu, e unha vez consumada a 'limpeza étnica' neste territorio, soña con converter Gaza —existe un vídeo aos efectos— nun futuro 'resort turístico', un magnífico proxecto de 'Riviera' do Medio Oriente sen rastro ningún de palestinos.

No vídeo en cuestión, realizado por 'intelixencia artificial' ao gusto do señor, vese perfectamente a Trump acompañado do primeiro ministro israelí Netanyahu, os dous descansando ben felices e rindo agarimados polo sol dunha praia de Gaza, entre imaxes de arrañaceos, turistas e mulleres bailando, entre luxo e fasto, cun Elon Musk a arrebolar billetes ao ar mentres soa de fondo unha canción que di "Donald Trump farate libre. Non máis túneis, non máis medo. A Gaza de Trump por fin está aquí". Textual.

Mais o certo é que xa Netanyahu e os seus asesores tiñan un proxecto 'inmobiliario' para Gaza, unha vez aniquilada a poboación palestina, que levaba por nome 'Gaza 2035': modernas e fastuosas vivendas con vistas ao mar, balnearios turísticos, instalacións desalinizadoras e até un flamante corredor ferroviario que deixaría ver en boa perspectiva as grandes plataformas petrolíferas (velaí tamén o latrocinio) situadas mesmo na costa gazatí. Netanyahu soña co seu imperio ‘costeiro’ e Trump, case ao mesmo tempo, envía ao seu xenro, Jared Kushner, á Universidade de Harvard para afirmar, referíndose a Gaza, que había que facer todo o posíbel para "sacar á xente e logo limpala".

En definitiva, o adefesio ou endriago 'Netrumpyahu' está máis vivo ca nunca. Defende, sen reparos, a limpeza étnica en Gaza e, como diría Jimmy Carter, mantén "a través do seu predominio político e militar un réxime de segregación, illamento e 'apartheid'" sobre os cidadáns musulmáns e cristiáns dos territorios ocupados". O xenocidio ou exterminio global israelí en Gaza —un crime contra a humanidade, como recoñece a Oficina de Dereitos Humanos da ONU— ten nome de estafermo 'criminal' ben coñecido.

Comentarios