Permitir os delitos de odio

Delitos

Digamos de entrada que permitir os delitos de odio, tan propios das dereitas extremas, supón naturalizar os atentados —varios en tipoloxía e con diferentes intensidades— que se levan a cabo, un día si e outro tamén, contra o sistema democrático. Existe, por exemplo, aprobada pola Comisión Europea, unha decisión marco relativa á loita contra determinadas formas e manifestacións do racismo e a xenofobia mediante o Dereito Penal (2008), mais esta e outras declaracións ou estratexias públicas posteriores acaban sendo, en realidade, papel mollado. O cultivo do odio no momento actual, sobre todo o auspiciado dende determinadas posicións políticas e mediáticas, esténdese na sociedade como unha mancha de aceite.

Asistimos á expansión de espazos de manipulación ideolóxica contra a verdade e a razón (tamén a razón científica) e a fórmulas de promoción da ignorancia en todas as súas dimensións —vexan aí, por exemplo, certas tertulias televisivas ou radiofónicas—, que é algo que xa soubo ver no seu día o filósofo Emilio Lledó, pois prímase a pouca ou nula reflexión intelectual, o descoido da linguaxe e a ocultación dos problemas verdadeiramente importantes para a saúde dunha sociedade democrática.

Tanto os delitos ‘de’ odio como os delitos ‘con’ odio, proxectados dende as extremas dereitas e tan habituais en certas ‘redes’ de comunicación e de información social, están á orde do día. E todo segue o seu curso. Segundo estatísticas oficiais recentes, os delitos de odio medraron en España un 21% no ano 2023, sendo o racismo e a xenofobia as infraccións criminais máis numerosas, o que supón, neste caso, o 41,8% das denuncias realizadas. E en realidade que acontece? Como é tratada esta lacra? Actúase con eficacia diante do atropelo que aquí se produce? Xulguen vostedes. Porque a inacción gobernamental, policial e xudicial ao respecto resulta clamorosa. E altamente preocupante.

O vivido recentemente en Inglaterra, coas rúas incendiadas pola extrema dereita e o seu odio xenófobo, despois dunha campaña levada a cabo nas redes sociais, é para tomar boa nota. 

Permitir os delitos de odio sen que nada se faga activamente contra este tipo de violencia é abrir as portas a un burato negro que ten como finalidade a destrución do sistema democrático. E gañará o goberno oligárquico das minorías sobre unha maioría atrapada no odio contra a democracia mesma.

Comentarios