Plasticofilia
O mesmo tempo que se recoñece que a contaminación causada polos plásticos se ten convertido nunha epidemia —manifestouno así a asemblea das Nacións Unidas para o Medio ambiente celebrada en Noruega—, o certo é que existe unha certa ‘querenza’ de carácter industrial, social e económico —puro beneficio para os fabricantes— polo plástico. Este produto, que é un derivado petroquímico, pódese mesmo, tense dito, ‘comer accidentalmente’ e, como ten afirmado o conselleiro do Mar, alfonso Villares —recolleron as súas declaracións todas as axencias de información e unha ampla maioría de medios de comunicación—, "entra por onde entra e sae por onde sae". Textual.
A propaganda plasticofílica non para de nos vender, teimuda, as bondades do plástico como material lixeiro, resistente, duradeiro, versátil e económico, e até o presidente da americana asociación Industrial do Plástico afirmou, en sesión solemne no Congreso dos EE.UU., que o plástico "é un dos materiais máis avanzados que a humanidade teña creado, pois contribúe a unha vida máis longa e saudábel para as persoas en todo o mundo". Perfecta declaración, plasticamente amorosa, por parte dun representante, ‘cheo de orgullo’, de 1 millón de empregados da industria do plástico estadounidense. O negocio está ben servido.
Mais que acontece realmente co plástico? Pois que a contaminación causada por este produto —con datos fornecidos polas Nacións Unidas— pasou de 2 millóns de toneladas en 1950 a 348 millóns en 2017, recoñecendo que a exposición aos plásticos prexudica a saúde humana, pois afecta á fertilidade e á actividade hormonal, metabólica e neurolóxica. Como mínimo. Cada ano chegan ao mar 11 millóns de toneladas de residuos plásticos. E segundo estimacións da fundación Ellen Macarthur, de seguirmos así, en 2050 os océanos poderían conter máis plásticos que peixes. Máis de 170 billóns de pezas plásticas xa aboian libres e tóxicas nas augas marítimas. a especie humana (a dirixencia comercial) está plastificando o mar.
E os millóns de granzas (‘pellets’, en inglés), gránulos de polietileno, que están chegando ás praias galegas —nefasta a xestión do desastre ambiental por parte da Xunta— conteñen substancias químicas tóxicas. Pode alguén negalo? Véxanse ao respecto informes científicos de carácter internacional, incluída a base de datos da axencia Europea de Substancias Químicas. Porca miseria!