Preguntas arredor de Altri
Foi presentado e vendido o proxecto Altri/Greenfiber, inicialmente, como innovador e ambicioso para a produción de lyocell: "tecido máis ecolóxico que as fibras artificiais"? Sabíase, dende decembro de 2022, que o proxecto ía ser, finalmente, a construción e posta en marcha dunha empresa pasteira (macrocelulosa) alimentada con madeira de eucalipto? Houbo ocultacións, embuste ou argallada ao respecto? Pódese falar, dadas as circunstancias obxectivas, dun exemplo de "economía verde e circular", tal como apareceu fixado no Diario Oficial de Galicia? Como pode ser certo que —nunha produción de 400.000 toneladas de celulosa por ano—, vertendo ao día un mínimo de 30 millóns de auga "residual" ao río Ulla, non se produzan episodios severos de contaminación?
Saben vostedes que a fábrica celulósica prevista incorpora unha chaminé de 75 metros de altura que liberará monóxido de carbono, óxidos de enxofre, óxidos de nitroxenio e outros materiais particulados? E os 1,2 millóns de metros cúbicos de madeira de eucalipto por ano, que vai engulir o leviatán insaciábel, non xeran entre nós unha nota de asombro? O interior da provincia de Lugo convertido en "reserva de pasta celulósica" para unha fábrica —véxase o proxecto— que tecnoloxicamente nace anticuada ou obsoleta?
Por outra banda, alguén pode asegurar que o río Ulla non vai sufrir incidentes directos e expresos de contaminación, o mesmo que a ría de Arousa, de alta produción económica e de maior beleza, que recibe as súas augas? Vaise pór en risco, por mínimo que sexa, toda esta riqueza? Acaso a empresa de papel portuguesa non foi acusada no seu país de orixe de ter contaminado amplas zonas do río Tejo con substancias químicas e diversos poluentes destrutores da biodiversidade e dos ecosistemas naturais?
Alguén ten en conta, no que atinxe a esta megacelulosa anunciada, aspectos que teñen que ver directamente coa saúde humana? Terán razón as plataformas formadas por mariscadoras, pescadores e asociacións ecoloxistas e veciñais que advirten, con toda claridade, dos riscos sobre a saúde dunha poboación que se aproxima ás 150.000 persoas? Corren perigo, en definitiva, o río Ulla e a ría de Arousa, tanto no plano ambiental como no económico: velaí a produción marisqueira? E a actividade agropecuaria na Ulloa, nas Terras de Melide e no Deza? 'Quousque tandem abutere, Eucalyptus, patientia nostra?'.