Relativizar o nazismo

O eurodeputado alemán Maximilian Krah, membro do comité federal da organización de extrema dereita 'Alternative für Deutschland' e principal candidato ás eleccións europeas, quixo deixar ben claro en declaracións a un xornal italiano que as SS (organización paramilitar, policial, política, penitenciaria e de seguridade ao servizo de Hitler) non se podían 'catalogar directamente de criminais'. E de xeito inmediato o partido ultra alemán —para moitos analistas claramente 'neonazi'— decidiu enviar o seu candidato lonxe dos focos políticos e mediáticos, non vaia ser, pois a ultra Le Pen e o ultra Salvini tomaron a determinación, perdendo os pés a correr, de se afastar do branqueador dunha organización que en Nuremberg foi declarada criminal.

En Alemaña a esvástica, o saúdo hitleriano, o himno nazi e a distribución de símbolos e cancións do nazismo, como ben se sabe, están prohibidos. Mais, a pesar do impedimento legal —a propia imaxe de Hitler está prohibida—, existen excepcións diversas e reina ao respecto notoria confusión. Con todo, recentemente, un tribunal alemán da cidade de Halle condenou —13.000 € de multa— a unha das figuras políticas da AfD, Björn Höcke, por utilizar un slogan nazi nun discurso de carácter electoral. E Alemaña tamén acaba de expulsar do seu territorio a sete militares ucraínos, formados pola Bundeswehr, por faceren uso, mesmo nos seus uniformes, de simboloxía nazi.

O secretario xeral da organización política alemá CSU (Unión Cristián Social), Martin Huber, referíndose ao simpatizante hitleriano Maximilian Krah, empregou as palabras xustas e necesarias: "Calquera que relativice os crimes nazis non ten cabida nun Parlamento democrático. O caso Krah demostra unha vez máis que a AfD son os nazis de sempre cun traxe novo". 

Só nas últimas semanas catro políticos foron atacados en Alemaña con extrema violencia por grupos neonazis, e no conxunto da Europa de hoxe están identificadas 400 organizacións de extrema dereita (32 en España), a maioría delas simpatizantes daquel pintor pésimo e frustrado que acabou sendo o maior asasino en masa da historia. Recentemente a Asemblea Xeral da Onu aprobou unha “Resolución contra a glorificación do nazismo”, e 112 países votaron a favor, 50 en contra e 14 abstivéronse. Entre os que se opuxeron encóntranse Alemaña, Canadá, EE UU, o Reino Unido e Ucraína. Moito ollo co 'ovo da serpe'.

Comentarios