Sobre gasto social

Montón de monedas. XESÚS PONTE
Montón de monedas. XESÚS PONTE

Existe certo consenso en definir o gasto público social como un volume determinado de recursos destinados a financiar expresamente políticas relacionadas coa Saúde, Educación, Vivenda, Protección Ambiental, Cultura e Protección Social, entre outras instancias. Tal como sostén o profesor Eduardo Bandrés Moliné e confirman numerosos traballos empíricos realizados, o gasto público social tense amosado como o compoñente máis redistributivo do orzamento público na maioría dos países avanzados, e de xeito principal nos europeos. Ou dito doutro xeito: o gasto social, orientado no plano do inmediato a satisfacer as necesidades básicas dos cidadáns —así debera ser—, non deixa de formar parte, entre nós, do denominado Estado de Benestar, que é a decisión por parte do Estado de regular o ciclo económico —así nolo transmite o catedrático de Economía Aplicada Antonio González Temprano—, universalizar o benestar social e garantir un marco de democracia política. Perfecto.

Mais entendida a teoría xeral ao respecto e entendida a definición concreta do gasto social público como o conxunto de recursos que destinan as Administracións Públicas á Política de Benestar Social, non está de máis analizarmos a evolución e a realidade do gasto social nas denominadas comunidades autónomas do Reino de España. Vexamos. Se Euskadi e Navarra están á cabeza en gasto social por habitante —o que se interpreta por gasto social 'axustado'—, con Cantabria e Catalunya en terceira e cuarta posición respectivamente, advírtese que Galicia ocupa o derradeiro posto, a dous puntos de Madrid, comunidade esta tamén entre as últimas en gasto social por habitante.

E Galicia está tamén —os datos ofréceos a Fundación de Estudios de Economía Aplicada: un 'think tank' con sede en Madrid— no vagón de cola en gasto 'per cápita' no que atinxe a Sanidade, Educación e Políticas Sociais. Xulguen vostedes. Porque ben se sabe que existe unha relación moi estreita entre as políticas de gasto social e o benestar atinxido pola poboación. Fica moi claro. A maior gasto público sanitario, mellor nivel de saúde e benestar das persoas. E a maior investimento en unidades educativas e en profesorado no ámbito público, máis e mellor progreso no plano democrático da formación e do coñecemento. En definitiva, maior gasto público social e aumento garantido do benestar e dos dereitos democráticos das persoas.

Comentarios