Tesouro musical galego

Afirmaba estoutro día o compositor Juan Durán, un dos grandes nomes da música galega contemporánea, que existía un fío comunicante, profundo e case oculto, entre a música medieval galega —partíndomos, neste caso, das Cantigas de Martín Codax— e a música do Rexurdimento do XIX, con figuras tan egrexias como Marcial del Adalid, Juan Montes, Castro Chané, Pascual Veiga, Canuto Berea e José Baldomir, entre outros. E a voz límpida e lucente da soprano Patricia Rodríguez, con notas de alta emoción lírica, e a perfecta interpretación pianística de Margarita Viso, fixéronnolo ver e sentir así en concerto programado pola Academia Galega de Belas Artes e celebrado na cidade de Carballo. 

Ben sabido é que as seis melodías atribuídas a Martín Codax (Pergamiño Vindel) espertaron en Santiago Tafall a imaxe sonora, ecoante, sobre todo en tres delas, do ‘alalá’ galego, e tamén investigadores e musicólogos como Higinio Anglès e José López-Calo souberon asociar esta nosa música medieval do século XIII co folclore tradicional galego, "deixando que a música supra o sentimento das palabras no melisma final da frase", ou descubrindo "unha melodía intimamente aparentada co espírito de algunhas das máis típicas músicas populares da Galiza".

Eu debo confesarlles que escoitando as Cantigas de Martín Codax, con excelente versión para canto e piano de Margarita Viso, puiden experimentar sensacións semellantes ás que puido estimar no seu día —corría o ano 1917— o compositor e musicólogo Santiago Tafall, quen viu nos poemas de Martín Codax a profunda corrente sonora do vello idioma galego, lírica e dramática ao mesmo tempo, aquela que transporta eufonías en airiños propios que rozan a pel. 

E todo isto puidémolo sentir no concerto carballés do que damos conta, porque a sabedoría musical de Durán e Viso soubo unir o perfume erotizante e entenrecedor das cantigas medievais codacianas a unha mostra de melodías galegas do Rexurdimento —en todo equiparábeis aos lieder alemáns— con títulos tan fermosos como ‘Soedades’ (Marcial del Adalid), As lixeiras anduriñas (Juan Montes), Cantiga (Castro Chané) e Maio longo (José Baldomir), con letras de ouro de Salvador Golpe, Curros Enríquez e Rosalía de Castro. 

Xa o dixo a musicóloga Paulina Ceremuzynska e eu asínoo: a música medieval galega (e tamén a do Rexurdimento) é un dos maiores tesouros da cultura musical europea.

Comentarios