Sobre a violencia retórica

Calquera sabe que a retórica é a arte da comunicación efectiva e que o seu propósito principal é persuadir, informar ou deleitar unha audiencia determinada. Aristóteles, que foi discípulo de Platón e escribiu un tratado de ‘Retórica’, deixou establecida a necesidade, no que lle afectare ao falante ou orador, de utilizar un modo ético —autoridade e credibilidade—, unha conexión de carácter emocional —o ‘pathos’— e unha lóxica ou ‘logos’ que se fai evidente polo uso da razón e da intelixencia. Á concepción aristotélica da retórica sumoulle Nietzsche o valor da conmoción, vista, iso si —o filósofo alemán era un romántico—, como unha forma comunicante de harmonía.

Mais todo iso, nos tempos que corren e que nos toca sufrir, aínda mantendo un pouso cada vez máis irrelevante nas formas e no fondo, xa é fariña doutro saco. A retórica hoxe utilizada, con mínimas excepcións, no eido do debate político, é guerra-civilista, incendiaria, e atinxe en moitos casos notas de violencia autoritaria cando non directamente de odio campante. Deborah Tannen, autora dun libro de gran interese, ‘A cultura da polémica’, establece con suma precisión que a retórica política ao uso vai dirixida —vexan aí a oposición partidaria da extrema dereita nas súas peculiares variedades— a desatar enfrontamentos, utilizando ademais "lexías" que connotan ameazas directas, violación da lóxica, vulneración do razoábel e verbosidade castrense. Porque é natural, dadas as circunstancias, que "rematemos por vernos a nós mesmos e aos demais como guerreiros en combate".

Sen dúbida, a violencia verbal que hoxe advertimos en diferentes debates públicos —tamén nas cámaras parlamentares—, unida en moitos casos á mendacidade máis abxecta, non só constitúe unha conxura contra a razón como método para discernir a verdade, senón que, como resulta ben evidente, acaba por se converter nunha acometida directa contra o intelecto democrático. Asistimos, un día si e outro tamén, a un envilecemento expreso, degradación e dexeneración, no que debera ser territorio neutral do deliberar ou mesmo espazo, aínda nobre e franco, da polémica. E triunfan, polo momento, os instigadores indecentes, os propagadores de inmundicia.

Non permitamos que a política, e a vida mesma, acabe sendo unha "guerra civil continuada por outros medios": a violencia que aparece cando o poder (Hannah Arendt) está en perigo.

Comentarios