O violinista Daniel Vlashi
A noticia correu como a pólvora días atrás nos círculos musicais galegos e nos segmentos culturais máis atentos á realidade da interpretación musical: un violinista galego, Daniel Vlashi, debutaba por primeira vez na historia como tal entre os primeiros violíns da Filharmónica de Berlín, interpretando no Digital Concert Hall a Quinta sinfonía de Bruckner baixo a dirección do ruso Kirill Petrenko, un dos máis célebres e recoñecidos directores de orquestra do mundo actual.
Daniel Vlashi Llukaçi, fillo do gran violinista da Orquestra Sinfónica de Galicia, mestre e concertista de proxección internacional Florian Vlashi, e da excelente violonchelista e profesora de música Rediana Llucaçi, convertíase deste xeito, aos seus 27 anos, nunha "estrela" musical de primeira magnitude no ámbito europeo, sendo xa "konzertmeister" da Deutsches Symphonie Orchester Berlin e tendo actuado xa, entre outras prestixiosas formacións musicais, na NDL Elbphilharmonie Orchester-Hamburg e na Mahler Chamber Orchestra, ademais de no francés Quatuor Confluence e na Orquestra Sinfónica de Galicia.
O coruñés Daniel Vlashi, que domina á perfección cinco idiomas, entre eles o galego, é neto do ilustre escritor e director de teatro albanés Gjergj Vlashi, con quen este cronista tivo a fortuna de partillar unha moi especial e frutífera amizade. E nun ambiente intelectual e artístico inmellorábel medrou o noso violinista, primeiro, dende os cinco anos, como alumno do seu pai, logo no Conservatorio Profesional de Música da Coruña, posteriormente no Conservatorio Nacional Superior de Lión e na actualidade na Universidade de Música Hanns Eisler de Berlín.
Daniel Vlashi, coido eu —o seu irmán Martín, por certo, está en camiño de ser un magnífico violonchelista—, herdou de seu pai unha fonda elegancia interpretativa que combina depurada técnica (perseveranza e método) e un carácter de expresividade que nos lembra a opinión que Berlioz expresou sobre Paganini, capaz de animar o violinista italiano unha acesa imaxinación e o corazón receptivo do público.
Como dicía Yehudi Menuhin, o violín é un "ser vivo" e unha das almas da humanidade, e en violinistas como Daniel Vlashi temos xa un presente luminoso e un futuro cheo de éxito e ledicia, pois o violín, como expresou Albert Einstein –que tamén era violinista e amigo persoal de Pau Casals–, é unha forma prometida de felicidade.