Cuntis impulsa un novo programa de emprego que formará a cen desempregados da comarca

O novo Programa Integrado de Emprego, que se desenvolverá entre 2025 e 2026, busca ofrecer oportunidades reais de inserción laboral a persoas de seis concellos
Centro de Formación Ocupacional de Cuntis. DP
Centro de Formación Ocupacional de Cuntis. DP

O Concello de Cuntis recibiu este mércores a resolución oficial que autoriza a posta en marcha dunha nova edición do seu Programa Integrado de Emprego, unha ferramenta clave para fomentar a inserción laboral na comarca.

O proxecto, financiado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración a través da Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, contará cunha achega de 220.000 euros, cofinanciados con fondos estatais, e suporá un investimento total de 261.904,76 euros, dos que o Concello e as entidades colaboradoras achegarán o 16% restante.

O programa desenvolverase entre o 15 de outubro de 2025 e o 14 de outubro de 2026, e terá unha duración de doce meses nos que cen persoas desempregadas dos concellos de Cuntis, Caldas de Reis, Portas, Barro, Moraña e A Estrada recibirán formación práctica, asesoramento personalizado e acompañamento activo na súa busca de emprego.

O obxectivo é lograr que, como mínimo, o 45% das persoas participantes consigan incorporarse ao mercado laboral, unha cifra que marcará o éxito do programa e condicionará o mantemento da subvención concedida.

Plan dirixido a varios públicos

O alcalde de Cuntis, Manuel Campos, destacou a relevancia desta iniciativa, que definiu como "un proxecto estratéxico para ofrecer ás veciñas e veciños desempregados unha formación útil, orientada ás demandas reais das empresas da nosa contorna".

O rexedor fixo un chamamento especial á mocidade, que contará coa metade das prazas dispoñibles, para que participe activamente no proceso de selección e aproveite esta oportunidade para mellorar a súa cualificación profesional.

O plan, dirixido a colectivos con maiores dificultades de acceso ao emprego, prestará atención especial ás persoas menores de trinta anos, ás mulleres, ás persoas con discapacidade, aos maiores de cincuenta e dous anos, así como a quen se atopa en situación de risco de exclusión social ou procede da inmigración.

O proceso de selección dos participantes será coordinado polo Servizo Público de Emprego en colaboración coa Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, seguindo as directrices marcadas pola resolución da subvención.

Comentarios