A voz da riqueza patrimonial de Caldas

Menos dun ano despois da súa presentación en sociedade, Asociación Terra Calda xa ten organizadas varias iniciativas de notable éxito, como as xornadas conmemorativas polo 125 aniversario da inauguración da Fábrica da Luz. O colectivo confía en continuar medrando e consolidando proxectos
Asociación Terra Calda.DP
Asociación Terra Calda. DP

Caldas de Reis está lonxe de ser o concello máis grande da provincia, pero iso non lle impide contar cunha riqueza patrimonial, cultural, lúdica e histórica que podería ser a envexa de vilas de maior entidade. Augas termais, petroglifos, a pegada romana ou os vestixios da transición cara a Idade Media forman parte deste gran tesouro.

Precisamente, co obxectivo de fomentar o coñecemento destes valores tanto do propio municipio como da bisbarra presentouse en sociedade a Asociación Terra Calda a principios deste ano. O colectivo, iniciado como agrupación veciñal algo máis dun ano antes, divulga e defende a posta en valor e a promoción de todo o que ten que ver coa evolución, a paisaxe e a tradición caldense, algo que leva a cabo a través dunha ampla variedade de actividades e propostas que están a obter unha gran resposta por parte da cidadanía.

A directiva fai un balanzo moi positivo do labor levado a cabo ata o de agora. "Hai moita participación e, ademais, tamén se nos achegan comentarios, ideas e valoracións que nos motivan a continuar traballando", apuntan desde Terra Calda. Os e as dirixentes agradecen esa "resposta cultural activa" por parte dos veciñas e veciñas de Caldas de Reis.

"Tiñamos a sensación de que existía unha demanda de actividades de temática local que servisen para contar a historia de Caldas. Nós o que facemos é intentar cubrir ese baleiro e, por sorte, todo o que estamos a propoñer está a ser recibido con moito interese", sinalan desde a asociación.

Unha das cuestións nas que afonda Terra Calda é na posta en valor da historia da Fábrica da Luz, da que se veñen de cumprir 125 anos desde a súa inauguración. O colectivo organizou, hai poucas semanas, unha mesa redonda coa participación de persoas expertas na xestión deste tipo de infraestruturas patrimoniais. A iniciativa foi un éxito e serviu para extraer conclusións interesantes. "A actuación de recuperación que se faga debe ser mínima, sen demasiada intervención, priorizando a a consolidación do inmoble e tendo en conta os usos que se lle pretende dar no futuro. Podería ser un espazo sensorial no que a luz e o son xoguen un papel esencial, integrando os usos lúdicos na súa contorna", apunta a directiva dad Asociación Terra Calda, que tamén incide na necesidade de reforzar a sinalización e aproveitar edificacións e áreas próximas para desenvolver obradoiros formativos ou dar vida a un centro de interpretación.

Conmemoración do 85 aniversario do descubrimento do Tesouro de Caldas

A agrupación traballa na organización dun evento para conmemorar o 85 aniversario do descubrimento do Tesouro de Caldas. "Probablemente é o máis importante da Prehistoria europea e que foi localizado nas Silgadas en decembro de 1940", recordan os responsables da asociación, que, de cara a 2026, tamén apostan por poñer en valor a figura do rei Alfonso VII. O lanzamento dunha páxina web, a recollida de información sobre Memoria Histórica ou a preparación dunha guía sobre os nomes das rúas caldenses son outros proxectos en marcha.

A asociación confía en que  as súas iniciativas se consoliden no futuro. Para iso, unha cuestión chave é consolidar o relevo xeracional, algo que tamén vai polo bo camiño. "Varios dos novos socios e socias da agrupación son xente moza que, ademais do seu interese polos temas que tratamos, tamén están tomando a iniciativa en cuestións como o emprego das novas tecnoloxías, a creación da páxina web ou a xestión das redes sociais", explica a directiva.  A voz do pasado e das riquezas patrimoniais de Caldas de Reis goza, polo tanto, de moi boa saúde nestes primeiros meses de aventura.

Comentarios