Poio construirá unha pista de atletismo na Reiboa para ser "referente deportivo"

O proxecto conta cun investimento de case 200.000 euros a través da Deputación e dará resposta a unha demanda veciñal, co obxectivo final de acadar a homologación da RFEA
Plano da futura pista que arrodeará ao campo de fútbol da Reiboa. DP
Plano da futura pista que arrodeará ao campo de fútbol da Reiboa. DP

Seis rúas e unha soa cola ao redor do campo de fútbol da Reiboa. Así será a futura pista de atletismo de Poio, un ambicioso proxecto que o Concello anunciou este sábado, e que contará cun investimento total de 183.984,96 euros.

Trátase de dar cumprimento a unha crecente demanda veciñal e de "consolidar Poio como un referente deportivo na comarca e na provincia, cunha estratexia clara de apoio ao deporte e aos nosos clubs, que son un orgullo para todos os veciños". Así o indicou o alcalde, Ángel Moldes, que deu conta dun proxecto que estará financiado con cargo ao Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas da Deputación de Pontevedra, e que conta co interese dos clubs locais, ademáis de ampliar e diversificar a oferta deportiva municipal, dotando á contorna da Seca dunha instalación moderna, versátil e preparada para o adestramento e a competición para atletas de toda a comarca.

O alcalde quixo destacar que "a aposta deste Goberno polo deporte e polas infraestruturas modernas e de calidade é unha realidade palpable. Queremos que Poio dispoña dunha pista de atletismo á altura dos seus deportistas e do potencial que ten o noso municipio".

O proxecto contempla traballos de demolicións e movementos de terras, a instalación dun sistema de drenaxe mediante canaletas de recollida de pluviais, así como a pavimentación, marcaxe e sinalización correspondentes segundo as normas de homologación deportiva. Segundo explicou Moldes, o obxectivo é acadar o uso deportivo da pista en condicións óptimas, á espera de completar a actuación cun pavimento de tartán que permita acadar a homologación oficial da Real Federación Española de Atletismo (RFEA) conforme aos estándares da World Athletics.

Moldes tamén quixo salientar o traballo constante desenvolto nos últimos dous anos para mellorar e modernizar as instalacións deportivas municipais: "Melloramos as condicións do ximnasio municipal, renovamos os vestiarios dos campos de fútbol, construímos unha pump track, substituímos a cuberta da nave de piragüismo e actualmente estamos a executar unha nova pista multideporte en Vilariño. Estamos dando resposta a reclamacións históricas e moi necesarias", dixo.

Estas actuacións reforzan o compromiso do Concello co deporte base e coa organización de eventos deportivos de primeiro nivel, que atraen cada vez máis participantes e visitantes ao municipio, salientou o alcalde.