Bimba y Palomo lanza o proxecto de 'upcycling' realizado cos estudantes de moda de Pontevedra

O alumnado do mestrado de moda da Facultade de Deseño confeccionou 15 pezas únicas como parte dunha proposta colaborativa coa marca Bimba y Lola e co deseñador Palomo Spain. Os traballos exporanse no Museo, dentro de Debut, dende o 20 de novembro 
Detalle do traballo da estudante Lucía González para o proxecto de upcycling de Bimba y Palomo. BIMBA Y LOLA
Detalle do traballo da estudante Lucía González para o proxecto de upcycling de Bimba y Palomo. BIMBA Y LOLA

Algúns elementos das coleccións de Bimba y Palomo, a colaboración que sacan adiante a marca Bimba y Lola e o deseñador Palomo Spain dende 2023, veñen de ser reinterpretados por 15 estudantes do Mestrado en Deseño e Dirección Creativa en Moda do campus universitario de Pontevedra. Fixérono dentro dun proxecto de upcycling (ou suprarreciclaxe) que deu como resultado unha colección cápsula de 15 pezas únicas

A proposta colaborativa presentouse este xoves no novo estudio de Palomo Spain en Madrid, tal e como anunciara a coordinadora do mestrado, Lola Dopico, esta mesma semana na presentación da programación de Debut.

Tras este acto oficial de lanzamento, os traballos pasarán a exhibirse en distintos eventos e showrooms internacionais de Bimba y Lola, segundo informou a marca. A primeira parada será o Museo de Pontevedra. Como xa avanzara Dopico, os 15 deseños serán expostos, precisamente dentro das actividades Debut, no edificio Castelao dende o 20 de novembro.

Alicia Bonilla, Andrea San Miguel, Lucía González, Marina Pérez, Luiselena Tilve, Manuel López de Silanes, Fernando Búa, Alicia Gómez, Claudia Pinaque, Álvaro Brea, Sabela Alonso, Tuset, Celia Vilariño, Ruth Vidal e Alba Caballero son os quince alumnos e alumnas que desenvolveron esta proposta.

O alumnado de Pontevedra que participou no proxecto de Bimba y Palomo. BIMBA Y LOLA
O alumnado de Pontevedra que participou no proxecto de Bimba y Palomo. BIMBA Y LOLA

"Reutilizar para crear algo sorprendente e inédito podría ser el leitmotiv de una cápsula curada por el equipo de diseño de la marca y el diseñador Alejandro Gómez Palomo [creador detrás de la firma Palomo Spain], que mantuvieron un fructífero encuentro con alumnado de la Facultad de Deseño de Pontevedra, un referente de la experimentación creativa en nuestro país", explica Bimba y Lola. "De este taller surgieron sinergias con otras disciplinas de la Facultade de Belas Artes, del mismo campus, como la serigrafía, los bordados en 3D o el encerado".

A colección upcycling realizada en colaboración co alumnado de Pontevedra ponlle o punto e final ao proxecto Bimba y Palomo, que incluíu o lanzamento de tres coleccións "basadas en la costura irreverente y artesanal del diseñador cordobés", presentadas durante a Semana da Moda de Nova York.

Palomo Spain estará en Pontevedra para inaugurar a exposición do Museo e formará parte do xurado de Debut.