Gustavo Almeida celebra 20 anos de traxectoria na música: "A recompensa foi bestial"
Ía para futbolista pero en outubro do ano 2005, Gustavo Almeida (Rio de Janeiro, Brasil, 1987) tomou unha decisión: deixar definitivamente o balón para dedicarse profesionalmente á música. Vinte anos despois celebra ter escollido ese camiño, volverá tocar en Pontevedra os temas do seu primeiro disco. O concerto terá lugar este venres (14 de novembro), ás 21.00 horas, no Teatro Principal. As entradas están á venda en Entradium e tamén a través da web do artista.
Que é o que vai facer mañá enriba do escenario do Teatro Principal?
Primeiro, recordar aquelas primeiras cancións e, ao recordalas, recordar tamén o que foi a miña vida nestes últimos 20 anos, porque ao final as miñas cancións nútrense das miñas vivencias. Así que unha cousa leva a outra. Cantarei aquelas cancións coa voz do Gustavo de agora, máis madura, e farei un repaso a algúns temas dos outros discos. Que se celebren 20 anos dese disco quere dicir que celebro 20 anos de carreira.
Acompañarao a mesma banda que o acompañou daquela?
Haberá varios músicos daquela banda, si. Por exemplo, Ricardo Ferreira, que foi o que produciu comigo aquel disco. Despois estarán outros músicos, da miña banda actual, como o meu fillo, á batería.
Que lembra daquela noite na que tomou a decisión de deixar o fútbol e dedicarse á música?
Lembro estar só no camerino, cos músicos todos xa enriba do escenario, soar o último timbre, mirar o espello e dicir para min: "Já é". Páxina pasada. Fútbol, grazas, chao. Música, benvida.
Recoñécese hoxe naquelas cancións de hai dúas décadas?
Isto foi unha das cousas que máis me emocionou neste proceso de recuperación das cancións que empezou cando as volvemos gravar para que estivesen dispoñibles en formato dixital. Ata agora o disco só existía en formato físico. Así que as regravamos coa música de hai 20 anos, pero coa miña voz actual. E facéndoo emocioneime moito. Porque temas como Donde va el control, a primeira canción daquel primeiro disco, marcou o que foi o meu camiño. Esa letra di: "También quisiera vivir mi vida cuatro veces/ y quizás con esas cuatro poder hacer todo lo que me pide el alma./ Cada Gustavo que llevo dentro lo saciaré en su momento/ y seguir su paso sin que me quede ningún trauma./ No es posible, no es ético, no es justo, no es correcto/. Seré malo o será que soy fugaz,/ pero dime ahora amigo, si no soy legal conmigo ¿cómo puedo ser legal con los demás? ". Isto é un GPS da miña vida e da miña traxectoria na música. Tamén están presentes aí outras cousas como a miña negativa a participar desa apoloxía da dependencia amorosa e todo iso de "no puedo vivir sin ti" ou "sin ti no soy nada". Sigo crendo fortemente nisto. Ou o tema Sin miedo a la diferencia que hoxe ten un significado aínda máis potente para min despois de ter dous fillos e compartir a vida cunha muller marabillosa. O amor sen medo ás diferenzas foi o piar da nosa relación. Así que ese disco foi o que me marcou o camiño. Despois de recuperalo, recoméndolle á xente que faga este exercicio de celebrar 20 anos de algo.
"Daquela noite lembro estar só no camerino, mirar o espello e dicir para min: 'Já é"
Porque aguantar no que sexa 20 anos é algo para celebrar?
Claro. Máis, sendo músico independente. Isto é... ía dicir que un milagre. Non son tampouco dos que se empeñan en que a música é moi difícil. Todo é difícil. Todo ten a súa complexidade: sacar adiante unha carreira, ser médico, ser xornalista, manter un negocio aberto... O que pasa é que a música é moi esvaradiza, así que te tes que preparar ben emocionalmente. Enfrontar isto a min axudoume a ser unha persoa máis equilibrada emocionalmente.
Nunca se arrepentiu de terse adicado a isto?
Xamais.
Pero seguro que houbo momentos difíciles.
Quizais o maior regalo que me ten dado a miña carreira é que nada nunca foi fácil. Grazas a iso desenvolvín unha capacidade de adaptación e de agradecemento, que poucos profesionais poden ter no medio artístico. E, ademais, a música tenme recompensado enormemente. A pesar das dificultades que pode ter unha carreira independente, na que estás moi exposto a todo, aínda que realizala dentro da industria tamén ten o seu, a recompensa foi bestial. Cumprín o soño de tocar nun teatro romano. Compartín escenario coa miña nai, co meu irmán e co meu fillo. Cantei co meu ídolo da infancia que é Jon Secada. Cantei co tipo ao que lle merquei o primeiro disco cando cheguei a España, que é David DeMaría. En realidade, só me queda facer algo con Alejandro Sanz, que foi a miña principal referencia cando empecei a compoñer en castelán. Foi difícil? Si. Compensa? Por suposto. Non me arrepinto para nada. Volvería facelo.
"Teño exactamente a mesma ilusión que cando empecei. Ou máis. Se puidese dicirlle algo ao Gustavo de hai 20 anos sería 'grazas"
Que foi o máis importante que aprendeu nestes 20 anos de carreira?
A desfrutar do proceso. Do camiño. Dígoo nunha canción: "Solo preocuparme del camino". Ás veces a vida obrígate a estar atento ao resultado, e é importante tamén, pero, se desfrutas do proceso, deixas de darlle tanta importancia ao resultado. Porque, ademais, o único que realmente che pertence son os pasos que dás. É o aprendizaxe máis importante que teño sacado da música e das miñas circunstancias nela. Se hai 20 anos, cando estiven a punto de firmar cunha discográfica, o tivese feito, quizais hoxe diría outra cousa. Pero non soou a frauta e que ben que non soase porque probablemente non tería aprendido todo o que aprendín.
Significa a música para vostede o mesmo que cando empezou? Ou hoxe ten unha relación distinta con ela?
O mesmo. Teño exactamente a mesma ilusión que cando empecei. Ou máis. Se puidese dicirlle algo ao Gustavo de hai 20 anos sería "grazas".
E dentro de 20 anos? Aquí outra vez?
Aquí outra vez.