Manuel Rivas e Suso de Toro fronte a fronte: Culturgal reunirá aos dous referentes da literatura galega dos 90

A feira da cultura de Galicia, que se celebrará en Pontevedra entre o 28 e o 30 de novembro, montará un "teatriño" no interior do recinto feiral e trasladará á terraza o espazo para a música en directo. A residencia de maiores de Campolongo acolle este xoves unha actividade previa
Suso de Toro e Manuel Rivas, xuntos, nun acto do ano 2003. AGN
Suso de Toro e Manuel Rivas, xuntos, nun acto do ano 2003. AGN

Unha conversa entre Manuel Rivas e Suso de Toro, dous grandes referentes da narrativa galega dos anos 90, será un dos pratos fortes da programación do próximo Culturgal, que se celebrará no recinto feiral de Pontevedra entre o 28 e o 30 de novembro. O director do evento, Camilo Franco, debullou este mércores, nun almorzo informativo, algunhas das propostas destacadas da feira da cultura galega e outras novidades. O programa completo e as entradas están dispoñibles na web de Culturgal.

Ademais de lembrar os espectáculos exclusivos que inclúe a programación: o concerto de Uxía do xoves 27 á noite (con entrada de balde ata completar cabida); o de Faia DíazA Pedreira e Felisa Segade; o de Óscar Ibáñez (no Teatro Principal) e o espectáculo humorístico que conducirá Touriñán (estes tres últimos con entradas á venda á parte), Franco quixo destacar o faladoiro que poñerá fronte a fronte a Rivas e De Toro "para compartir conversa, a partir dos seus dous últimos libros, sobre a situación literaria do país". Para o director de Culturgal, a feira tamén está "para facer que pasen cousas que non pasan no día a día". 

Asemade, segundo dixo, outro papel que lle corresponde é o de apostar por levar a cultura a espazos onde non entra habitualmente. Neste sentido, unha actividade previa de Culturgal será a representación da obra de teatro O novo, este xoves, na residencia de maiores de Campolongo. Trátase dunha proposta que se puido ver no Festival Internacional de Outono de Teatro (FIOT), de Carballo. 

Entre as novidades deste ano, o director da feira destacou dúas: a instalación dun "teatriño" no interior do recinto feiral, semellante ao que xa se probou o ano pasado e que permitirá realizar pequenos actos escénicos cun certo recollemento, e o traslado do escenario musical á terraza do recinto, para tratar de apartar do conxunto da feira a potencia das actuacións. Para axudar a que a escoita no recinto sexa mellor "ampliaremos o parque de cascos que probamos o ano pasado e que funcionou moi ben". As persoas que o desexen poderán usar eses auriculares que distribúe a organización para escoitar as conversas literarias, os recitais de poesía e outros eventos deste tipo.

"Nos últimos 20 anos, a cultura galega madurou en todos os sentidos", dixo Camilo Franco. "Agora a batalla pasa por convencer ao público de que todo o que se mellorou é bo e ten sentido. Fálase moito de que hai moita programación. Eu digo que non poder escoller entre tanta oferta é unha riqueza. Que haxa competencia é unha demostración da cultura do país". E rematou: "Esta é a oferta económica máis barata de todo o ano na cultura galega".