Socios do Ateneo de Pontevedra denuncian un proceso electoral "dubidoso"
Días antes de que se celebren as eleccións á xunta directiva do Ateneo de Pontevedra, oito socios da entidade asinan unha carta na que denuncian un proceso "dubidoso" e falan de "asalto ás institucións". Segundo indican, unha das candidaturas que se presenta está formada por persoas que se fixeron socias "pouco antes de ser convocadas as eleccións" e ás que, salvo a unha, non se lles coñece implicación previa coa entidade.
Tras rematar o último período do escritor Xaime Toxo como presidente e tras anunciar este que non se volvería presentar ás eleccións do Ateneo, tras 18 á fronte da asociación, a entidade abriu un periodo electoral ao que se presentaron dúas candidaturas. Unha delas está encabezada polo escritor e xornalista Luís Rei. A outra por Victoria Toya Díaz. As eleccións terán lugar o 26 de novembro e nelas poden exercer o voto os 185 socios e socias actuais.
Neste contexto é onde oito socios do Ateneo de Pontevedra fixeron chegar aos medios de comunicación unha carta na que explican que, mentres unha das candidaturas lles parece "plural, paritaria, formada por socios que amosaron ata o de agora interese, traballo e implicación nas actividades", a outra, "parece homoxénea ideoloxicamente" e "formada por persoas que solicitaron a entrada como socias pouco antes de ser convocadas as eleccións". Sobre isto último apuntan: "dos seis integrantes, a cinco non se lles coñece implicación, interese nin traballo a prol do Ateneo".
Por todo isto, "para os abaixo firmantes o proceso é dubidoso". Segundo explican, "non se respectou a decisión da xunta directiva de esixir aos candidatos unha antigüidade mínima de seis meses; non se respectaron os prazos para alegacións marcados pola propia xunta electoral e non se aceptaron as alegacións presentadas por varios socios e socias". E rematan: "Cabe preguntarse se isto é un asalto ás institucións".
Os críticos cunha das listas electorais conclúen que o proceso enturba a historia do Ateneo de Pontevedra. "Todoo noso respecto ao Ateneo, pero lamentamos este último proceso que mancha e desdí a súa longa e fructífera traxectoria ata o de agora".
O Ateneo de Pontevedra é unha das asociacións culturais máis activas da cidade. Foi fundada por Torrente Ballester e Filgueira Valverde, entre outros, en 1965.
