Bueu teñe novembro de violeta con formación e sensibilización contra as violencias machistas
O Concello de Bueu, a través da Concellaría de Igualdade, presenta un amplo programa de actividades para conmemorar o Día Internacional Contra as Violencias Machistas, cunha forte énfase na sensibilización e a formación en toda a cidadanía. O día central, o 25 de novembro, celebrarase o acto institucional na Praza do Concello ás 12:00 horas, onde o alumnado de 4º da ESO do IES Johan Carballeira realizará a declaración conmemorativa.
Pola tarde, o Centro Social do Mar acollerá a proxección de curtametraxes 'Somos ponte en movemento'. Esta actividade, da Coordinadora Galega de ONGD e a Deputación de Pontevedra, está dirixida a público familiar e nenos/as a partir de seis anos. Tras a visualización, xerarase un coloquio arredor de temáticas de dereitos humanos, feminismos e loitas sociais.
Xa de xeito continuado ata decembro e con novas propostas entre febreiro e abril, seguirán os obradoiros de autoestima para mulleres arredor da arte como forma de expresión, e os talleres 'A música e a palabra para o benestar' e 'Rir para vivir: a risa como camiño de benestar'. Para participar nestas actividades, financiadas polos fondos do Pacto de Estado pola Violencia de Xénero, é necesario realizar inscrición previa no Centro de Información ás Mulleres (CIM).
Foco en formación e o novo contexto dixital
No apartado de formación do programa, o Concello de Bueu centrarase tanto no seu persoal como na mocidade. Os días 17 e 19 de novembro pola mañá, desenvolveranse unhas xornadas internas dirixidas especificamente ao persoal municipal. O obxectivo destas sesións é a formación sobre o Plan de Igualdade do Concello e no Protocolo de prevención de acoso laboral e sexual.
Para a mocidade, o foco estará posto na prevención das novas ameazas dixitais. O 28 de novembro, o IES Illa de Ons acollerá o obradoiro 'Violencia de xénero e o novo contexto dixital'. Esta actividade, impartida por expertos de Pantallas Amigas, céntrase en dar a coñecer e previr as formas emerxentes de violencia que xorden no ámbito dixital, como a ciberviolencia, o grooming e o sexting.
A historia que marcou un antes e un despois
O Cineclub Bueu sumarase á conmemoración proxectando o 21 de novembro o filme 'Yo soy Nevenka' de Icíar Bollaín. A cinta, que se poderá ver ás 21:00 horas no Centro Social do Mar con entrada de balde ata completar aforo, narra a historia de Nevenka Fernández, a concelleira de Ponferrada que no ano 2000 se atreveu a denunciar o alcalde por acoso, un caso que se considera o inicio do movemento #metoo en España.
Ademais, a Libraría Miranda organiza o 26 de novembro pola tarde a presentación do libro 'Outono, a muller sen nome', de Paula Castro, unha historia que aborda a violencia de xénero e as súas múltiples manifestacións: vicaria, xudicial e social.

