Lucía Méndez reflexionará sobre 'o relato do poder' en 'As mulleres que opinan'
Tres décadas observando e relatando o poder é o título da palestra coa que se pechará a primeira xornada do encontro As mulleres que opinan son perigosas. Correrá a cargo da analista política Lucía Méndez, actualmente redactora xefa de El Mundo, xornal que ela mesma axudou a fundar.
Méndez pechará un programa que abrirán, ao mediodía, as xornalistas que están detrás deste evento, Diana López Varela e Susana Pedreira. Puxérono en marcha en 2018 como resposta ao II Congreso Capital del Columnismo, organizado o ano anterior en León e no que participaban, nun primeiro momento, 25 homes e ningunha muller. Como é habitual, farano acompañadas de representantes das dúas institucións que apoian a celebración da actividade dende o inicio: a Deputación e o Concello. O ano pasado, a organización fixo público que máis de 75 mulleres foran relatoras de As mulleres que opinan son perigosas.
O Teatro Principal acolle esta nova edición este venres e o sábado (entrada libre), ao longo de todo o día. Catorce xornalistas e profesionais da comunicación subirán este ano ao escenario. Se Lucía Méndez pecha a primeira xornada, outra xornalista de ampla traxectoria, Olga Viza, pechará a segunda falando da súa experiencia facendo información deportiva.
Premiadas
A maiores, a xornada deste venres abrírona as gañadoras da primeira edición do premio As mulleres que opinan: Carolina Sertal e Carmen G. Magdaleno. O certame, que se mantén este ano, ten aberto o prazo para presentar traballos ata o 8 de abril. Os galardóns, para traballos en galego e en castelán, están dotados con 1.000 euros cada un.
Tamén pola mañá intervirá a guionista e podcaster Lula Gómez falando de Entender e desmontar o machismo: eres unha caca. Pola tarde, antes de Méndez, falarán a columnista e escritora Mercedes Corbillón, cunha palestra titulada A beleza e a opinión non deben morrer; a humorista Jazmín Abuín, que reflexionará como Dende a comedia e a retranca tamén se opina, e a xornalista Diana Oliver, que se achegará ás Maternidades precarias: entre o privilexio e a incertidume.
Mañá, Ana G. Liste abrirá a xornada falando de ética xornalística. Seguiranlle a redactora xefa de El País e directora de Materia, Patricia Fernández de Lis, que reflexionará sobre o tratamento da información científica con perspectiva de xénero, e Isabel Cadenas Cañón cunha palestra titulada Diso si se fala: mulleres rachando silencios persoais e colectivos. Pola tarde, Claudia Morán falará de xornalismo de opinión de proximidade e a activista Noor Ammar Lamarty, de "apartheid de xénero e construción de relato". A penúltima conferencia deste ano correrá a cargo da xornalista do Huffington Post Mariola Cubells falando da "revolución das mulleres de máis de 60".