Pablo e a súa filla Paula, autores do primeiro himno da parroquia de Xustáns, preparan a súa estrea

Investiron seis meses na creación do cántico, que se poderá oír en directo este sábado despois dos actos relixiosos de San Martiño, nunha actuación que estará chea de emoción e sorpresas

Pablo e Paula himno Xustáns Dfreire_033
Pablo e Paula, fotografados este martes en Pontevedra, nun intre entre os ensaios para presentar o seu himno. D. FREIRE

Un pai e unha filla, Pablo Martínez, de 49 anos e Paula Martínez, de 17, van ser esta fin de semana, máis en concreto o sábado, os protagonistas dun momento único da historia da súa parroquia orixinaria, a de Xustáns, en Ponte Caldelas, ao estrear ante toda a veciñanza un himno musical feito por eles mesmos. 

A cita está pensada para a tarde do día no que se celebra San Martiño, patrón parroquial, e despois da misa (19.45 horas). A idea ten a toda a parroquia revolucionada, porque se sabe que vai haber unha estrea musical desta peza, pero tamén que se preparou unha pequena mostra con ferramentas, recordos e elementos que permiten entender como era a Xustáns agrícola de mediados do século pasado. 

Pero, como se lles ocorreu a Paula e a seu pai a idea de facer un himno? Necesita Xustáns, esta parroquia chea de historia, un novo elemento de identidade? Iago Souto, un dos veciños de Xustáns que leva toda a vida palpando a realidade da parroquia, pensou que si, e así llo pediu a Pablo, que é oriundo de Baltar, emblemático lugar deste recanto de Ponte Caldelas, aínda actualmente que reside en A Reigosa

Pablo, que considera que Xustáns é a súa 'patria chica', máis cedo que tarde asumiu como propio o reto do seu amigo, e Paula, que estuda piano e é tan afeccionada á música como o seu pai, tampouco tardou en unirse. Ela ten 17 anos e, non contenta co traballo que lle dan os seus estudos no IES Ponte Caldelas, asumeu de grao esta misión que, ao igual que seu proxenitor, tomou moi en serio. 

Pablo non acudiu ao conservatorio de cativo, pero si a clases de gaita. Aí naceu o seu idilio coa música, que se acrecentou co tempo. Xa de maior foise formando para ter dominio co acordeón, co que lidera o grupo Acorde Son do Verdugo, que tamén o acompañará nesta estrea musical.
Cos seus coñecementos e os de Paula, o equipo familiar foi avanzando sobre todos os aspectos que debe ter un himno: unha base musical apropiada e unha letra que exalte as cualidades do lugar, da súa xente e tamén a súa historia. "Foron seis meses de traballo, demos moitas voltas. Cambiamos a melodía de base, que inicialmente era un valse", explica, e engade que foron mudando cousas, "ata que ao final paramos porque había que parar, ou doutro xeito non nos daría tempo a estrealo nin a ensaialo".

Unha letra segreda, e outras sorpresas

Ambos autores están orgullosos, aínda que gardan con extremo celo todo detalle sobre a letra segreda deste cántico ás bondades de Xustáns e só unha frase desvelan: "Os lugares máis fermosos, son os que están en Xustáns/ Chan do Casal, O Sobreiro, Aluncía e Baltar".
As estrofas recollen momentos da historia local, describen a xeografía desta parroquia, moi solidaria, unida, afeccionada ás festas e que ten case 550 habitantes, según os datos oficiais, pero tamén un retrouso amoroso que se repite cada poucos versos. 

Pablo e Paula están impacientes pola chegada do gran día e o pai confesa, no nome dos dous o seu gran soño:"que nesta estrea do sábado esté todo Xustáns e todo aquel que ten relación coa parroquia, e sobre todo, que veña a xente maior, que son os que nos contaron as cousas máis importantes e os que poden sentirse máis identificados co himno".

A maiores, non lles importaria gravalo, para que este traballo non se perda co tempo, e, moi importante, "que se poida cantar nas nosas festas e celebracións, como un día se empezou a facer coa Rianxeira", aínda que recoñece Pablo que esa é a parte máis ambiciosa do seu soño, xa que implica "que as comisións de festas queiran facer esa pausa nas festas", que a xente acepte e acolla o himno, e que o memorice.