A Coral Polifónica de Pontevedra gaña o Otero Pedrayo
A Coral Polifónica de Pontevedra é a gañadora do Premio Otero Pedrayo, un galardón que conceden as catro deputacións provinciais co apoio da Xunta de Galicia e que recoñece o traballo a prol da cultura galega. A decisión foi tomada nunha primeira votación polo xurado, que se reuniu este xoves en Pontevedra.
Nesta 48ª edición dos premios presentáronse catro candidaturas. A da Polifónica foi defendida pola propia deputación pontevedresa. "Polo tanto, estamos de celebración", recoñeceu o presidente do organismo provincial, Luis López. O recoñecemento entregarase o xoves 11 de decembro (12.00 horas) na capital da provincia.
"A Coral Polifónica de Pontevedra é unha referencia musical", explicou López, que lembrou que este ano a agrupación está a celebrar o seu centenario. Fundada en 1925, o seu primeiro presidente foi Antón Losada Diéguez. E o segundo, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. "A coral realiza un traballo impecable no que ten que ver coa promoción e a difusión da música. Non podemos estar máis que orgullosos".
O presidente do xurado, que é o director xeral de Cultura da Xunta, Anxo Lorenzo, recordou, pola súa banda, que este é o premio cultural máis antigo de todos cantos se entregan en Galicia. Fállase dende 1977. "Cada ano prémiase un proxecto cultural que ten relevancia para Galicia e facémolo da man dun xurado plural e diverso formado por persoas de moi distintos ámbitos", comentou. "Estamos obviamente encantados de darllo a unha sociedade que cumpre 100 anos. Como se comentou na reunión do xurado, o ano da súa fundación, 1925, representa un momento crucial da sociedade galega e precisamente a Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra desenvolveu un papel moi importante nese punto de inflexión".
O presidente da Fundación Otero Pedrayo, Eduardo López Pereira, agradeceu a implicación das deputacións e da Xunta de Galicia para que o galardón siga existindo. "Este ano o xurado atinou plenamente seleccionando a Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra".
Ademais de por Anxo Lorenzo, Luis López e Eduardo López Pereira, o xurado estivo composto polo deputado provincial de Cultura, Jorge Cubela, e por representantes das outras tres deputacións galegas, da Consellería de Cultura, das tres universidades galegas, da Real Academia Galega, do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento e da Fundación Otero Pedrayo, así como cinco persoeiros relevantes no eido da cultura elixidos polas catro deputacións e a Xunta. O galardón está dotado economicamente con 16.000 euros.
"Este é un agasallo a un traballo de cen anos"
O presidente da Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra, Carlos Valle, sinalaba, este xoves, tras coñecer que a agrupación era merecedora do galardón, que o recoñecemento non era só para os actuais compoñentes do grupo, senón tamén para todos os que os precederon. "Este é un traballo de cen anos", indicaba. "Sen o labor de todos os que formaron parte deste proxecto dende 1925 non estariamos aquí. Así que este é un agasallo compartido por todos os homes e mulleres que durante cen anos fixeron que a Polifónica sexa o que é", concluía.
"Polo demais, todo premio ao que non te presentas e recibes merece un dobre agradecemento", engadía Valle. "E este premio en concreto, no ano no que estamos, é un gran motivo de satisfacción e de orgullo. Sobre todo, obríganos a continuar pola senda que nos marcaron os nosos fundadores e as persoas que fixeron posible que, durante cen anos, a Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra fose un referente na música coral. E non só en Galicia".
Á parte de recibir o 11 de decembro o Premio Otero Pedrayo, a Coral Polifónica recibirá tamén, nuns días, a Medalla de Ouro Marcial del Adalid, que lle concedeu este ano a Real Academia Galega de Belas Artes.
