A Bienal de Arte de Pontevedra "volveu para quedar"

"Este acto non é unha despedida, é unha invitación. Vémonos dentro de dous anos", comentou Luis López, o presidente da Deputación, no acto de clausura da exposición internacional de arte
Un momento do acto de clausura da Bienal de Arte de Pontevedra, onte, no Pazo Provincial da Deputación.  RAFA FARIÑA
Un momento do acto de clausura da Bienal de Arte de Pontevedra, este venres, no Pazo Provincial da Deputación. RAFA FARIÑA

A Deputación de Pontevedra clausurou este venres a 32ª edición da Bienal de Arte cun espectáculo no salón de plenos do Pazo provincial a cargo do grupo La Ribot, que presentou a peza Labola. O presidente, Luis López, e o vicepresidente, Rafa Domínguez, cualificaron esta edición como "histórica" polo seu regreso tras 15 anos de ausencia, e tamén por estenderse por primeira vez a toda a provincia e poñer no centro da programación unha mensaxe de paz e concordia. As exposicións continuarán abertas ao público ata o próximo 30 de setembro.

 

López destacou que "ao longo destes tres meses, a provincia demostrou ser a casa da arte, da cultura e da humanidade", lembrando o simbólico abrazo entre o fotógrafo israelí Miki Kratsman e a artista palestina Raida Adon como exemplo do espírito da Bienal. O presidente agradeceu o traballo do comisario Antón Castro, dos artistas, do público e, de maneira especial, de Domínguez, a quen atribuíu o impulso para recuperar o evento. "A Bienal vai pasar á historia e o fará grazas a vós", subliñou.

Pola súa banda, o vicepresidente Rafa Domínguez resaltou que esta edición permitiu vivir propostas "innovadoras e profundamente humanas" e defendeu a arte como motor de cambio e transformación social. Tanto el como López confirmaron que a Bienal "volveu para quedar" e que xa está en marcha a 33ª edición, prevista para 2027. "Este acto non é unha despedida, é unha invitación. Vémonos dentro de dous anos", concluíu o presidente provincial.

O espectáculo de La Robot pechou a Bienal de Arte. RAFA FARIÑA
O espectáculo de La Ribot pechou a Bienal de Arte. RAFA FARIÑA

A recuperación da Bienal foi valorada tamén pola ampla participación cidadá, que encheu os diferentes escenarios da provincia durante tres meses de programación. Miles de persoas asistiron ás exposicións, concertos e espectáculos, consolidando a Pontevedra como referente cultural e artístico e reforzando a proxección internacional dun evento que, segundo a Deputación, "volverá medrar con novas propostas e cun compromiso firme coa diversidade, a liberdade creativa e a defensa dos valores humanos".

Novas colaboracións con artistas e institucións

Ademais, desde a organización salientaron que o éxito desta edición abre a porta a novas colaboracións con artistas e institucións de dentro e fóra de Galicia, co obxectivo de seguir posicionando a Bienal como un espazo de diálogo global. A idea, apuntaron, é que Pontevedra continúe sendo un punto de encontro para a creación contemporánea e para a reflexión arredor dos retos sociais e culturais do presente.

Outro momento do espectáculo, xogando co público. RAF FARIÑA
Outro momento do espectáculo, xogando co público. RAF FARIÑA

Aínda que o programa desta edición número 32 da Bienal de Arte, que levaba por lema 'Volver ser humanos diante a dor dos demais', rematou coa representación da peza de La Ribot, recalcaron López e Domínguez que a Bienal non remata. "Grazas a esta edición e a todos os que formaron parte dela, reencontrarémonos sendo moito máis humanos e máis sensibles ante a dor dos demais", concluíu o presidente Luis López.

A edición de 2027 aspira a dar un paso máis na descentralización e a abrirse a novos formatos e disciplinas, mantendo como fío condutor a defensa da paz, a diversidade e a sensibilidade social a través da arte.

Comentarios