Anulada a homenaxe aos fusilados o 12 de novembro en Pontevedra "por mor das previsións meteorolóxicas"
O Concello de Pontevedra informou este martes da decisión de "suspender o acto de homenaxe aos fusilados o 12 de novembro do ano 1936 por mor das previsións meteorolóxicas adversas ao longo da tarde deste mércores". É un dos actos centrais arredor da memoria que se celebran na capital da provincia. A previsión do servizo de predición meteorolóxica da Xunta de Galicia, Meteogalicia, é de chuvias e ventos fortes en Pontevedra ao estar a provincia baixo o dominio da borrasca Claudia, que afectará, sobre todo, ao sur e ao oeste do territorio galego, especialmente no litoral.
Con todo, o Goberno local depositará unhas flores ao pé da escultura que lembra aos dez veciños fusilados na pasarela do tren. "Porén, malia non ser posible a lectura habitual de discursos, o Concello si deixará sobre a escultura urbana situada na rúa 12 de novembro unha ofrenda floral". Pola súa banda, as familias consultadas por este xornal sinalan que lembrarán a data no ámbito privado.
O 12 de novembro de 1936 na memoria
O 12 de novembro de 1936 foron fusilados en Pontevedra os médicos Amancio Caamaño Cimadevila, Telmo Bernárdez Santomé e Luis Poza Pastrana, os mestres Paulo Novás Souto, Germán Adrio Mañá e Benigno Rey Pavón; o editor Ramiro Paz Carbajal; o avogado José Adrio Barreiro; o xornalista Víctor Casas Rey e o capitán Juan Rico González. A data conmemórase de xeito público dende hai 25 anos.
Aínda que en 1999, con Miguel Anxo Fernández Lores recén elixido alcalde, xa se fixo un acto de homenaxe no Teatro Principal, non foi ata o ano seguinte que quedou inaugurada a rúa que levaría esa data do 12 de novembro por nome. Tamén en 2000 se instalou nela un monolito co nome dos dez veciños asasinados na Caeira. Esa placa está hoxe aos pés da escultura de Sergio Portela, colocada en 2014 na pasarela.
A deste mércores será a única vez que non se celebre a homenaxe. No ano 2019, o Concello suspendeuna tamén no último momento debido ao mal tempo, o que pillou ás familias alí congregadas por sorpresa baixo a chuvia. Ante o seu malestar, o Goberno local decidiu rectificar e celebrar uns días despois un acto no Teatro Principal.
En palabras facilitadas polo Concello, Lores lembra que "o 12 de novembro é unha data funesta, unha xornada marcada no calendario como o día no que dez homes bos e xenerosos foron asasinados polo fascismo cunhas balas cargadas de odio e sen razón". E engade: "Pontevedra é unha cidade con memoria. Xa hai máis de dúas décadas que traballamos nesa idea; na idea de coidar o legado daqueles que non están. É un deber ético e político que non pode ser ocultado nin minimizado".
