Isabel Gomes Teixeira, investigadora do IIM: "Estudamos se o que pasa na Ría de Pontevedra é natural ou é pola acción do home"
A Universidade de Vigo e o CSIC dirixen varios estudos na Ría de Pontevedra que analizan o comportamento das especies ante os cambios que está a experimentar o clima. A investigadora do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM) Isabel Gomes Teixeira estuda a proliferación do fitoplancton tóxico no fondo da ría no proxecto Planctox no que traballa directamente coas mariscadoras.
Como é esa colaboración coas traballadoras do mar?
Con elas vemos as necesidades reais que ten a xente que traballa no mar. Tivemos unha reunión previa e vimos que elas tiñan un coñecemento moi forte no campo do fitoplancton tóxico. Foi moi interesante xuntar os nosos coñecementos científicos co coñecemento práctico de xente que traballa no mar. Que a ciencia e o sector pesqueiro traballen en conxunto é moi positivo
En que consiste o proxecto Planctox?
Planctox está impulsado por RedeMar, unha rede entre o sistema científico pesqueiro e a Xunta, está financiado con fondos europeos e vai durar ata o 2027. Eu traballo no campo das microalgas. Sabemos que hai unha problemática grande co fitoplancton tóxico, que son organismos naturais nas comunidades de microalgas. O problema é que parece que co cambio climático aumentan os episodios de fitoplancton tóxico, que é cando cando se prohíbe a extracción de marisco e se pechan os polígonos. Queremos chegar a un sistema de predicción destes eventos e queremos entender como será isto no futuro, porque a través do que xa está a acontecer noutros sitios a nivel mundial sábese que co cambio climático isto vai empeorar. A cuestión é entender o que vai pasar para empezar a tomar medidas e que a xente que traballa no mar estea preparada.
Que fai diferente á Ría de Pontevedra e como lle están a afectar os cambios do clima?
O cambio climático é unha evidencia a nivel global e a nivel local e cada sistema vai reaccionar dunha determinada forma. Estamos nun sistema especial, o das Rías Baixas, que é moi produtivo. O vento do Norte provoca un movemento de augas que permite que chegue ás rías auga moi rica en nutrientes e isto fai que haxa máis crecemento de microalgas e alimente a toda a cadea alimentaria. Polo de agora, aínda que temos evidencias do cambio climático, a cousa segue funcionando. Se co aumento da temperatura isto se frea un pouco, isto implica ás comunidade plancton cambian. Se cambiamos as condicións de base o sistema tería outro equilibrio e temos que entender como funcionaría.
É ao que se refiren as mariscadoras cando falan de que a auga ten menos nutrientes?
O aforamento costeiro polos ventos do Norte é típico da primavera e do verán. É cando dicimos que a auga está conxelada porque vén de zonas máis profundas. Esta auga ten moitos nutrientes, que son os que van alimentar ao fitoplanton e a cadea trófica das rías. A medida que se quentan as augas é máis doado que cambie a comunidade de fitoplancton, por exemplo para os organismos máis pequenos, e iso pode cambiar as cadeas alimentarias na ría, ou para un aumento de proliferacións de fitoplancton tóxico.
Estes cambios veñen para quedarse?
Nós para saber se hai un cambio necesitamos máis tempo de mostraxe. O propio sistema ten unha variabilidade natural, ás veces necesitas ver datos de moitos anos para saber se o que estamos vendo é é froito dunha variabilidade natural ou é pola acción do home. Temos que falar sempre con cautela, de momento vemos que hai unha tendencia. As series de datos que temos son curtas, entón moitas veces o que facemos é reproducir no laboratorio as condicións futuras do cambio climático e vemos como eses organismos se comportan. Por exemplo, cos bivalvos. Moitas veces estes cambios son transitorios. Fálase tamén das vagas de calor. Todo depende de cando cambie o sistema, outra cousa é que estes cambios se manteñan no tempo.
Non son as únicas consecuencias dos cambios que está a sufrir o clima nesta zona, non?
O cambio climático provoca tamén que cheguen organismos doutras partes que encontran aquí o sitio ideal para vivir e que van prexudicar os organismos nativos. Hai estudos tamén sobre ese tema. Incluso, dentro de toda esta comunidade fitoplacton hai especies que viven aquí que non nos dan problema actualmente, pero que si son moi problemáticas noutros sitios do mundo, son tamén productoras de toxinas, e neste proxecto imos incluír estudos con estas especies de cara a estar preparados para este movemento destas especies.
Unha das grandes preocupacións das mariscadoras é que o bivalvo non dá crecido.
Nós non estamos estudando iso concretamente. Ao parecer non se sabe exactamente por que está pasando, pero posiblemente será unha cuestión de resposta aos cambios ambientais: pode ser falta de alimento axeitado, incremento do estrés en resposta a temperaturas altas da auga...non ten que haber unha soa causa, poden ser varias actuando ao mesmo tempo. Estas condicións cambiadas increméntalles o estrés, e a enerxía que debería ser usada no crecemento pasa a ser usada para sobrevivir.