Iluminadas. A orde violeta

As xornalistas Olga Viza e Susana Pedreira en 'As mulleres que opinan son perigosas' 2024. DAVID FREIRE
As xornalistas Olga Viza e Susana Pedreira en 'As mulleres que opinan son perigosas' 2024. DAVID FREIRE

Mentres fago a torta do aniversario de R. prendo o streaming. As pólas das árbores enmarcadas. Zoa o vento e busco amparo nas voces de Susana Pedreira e Diana López, que abren a xornada da VIII edición de As Mulleres que opinan son perigosas. Este ano propúxenme non perder ningún relatorio. Escoitalas a todas. Poño a proba a dislocación entre a cociña e o Teatro Principal de Pontevedra.

Coas palabras de A. Yáñez lembro que hai quince días, na presentación do libro Luzeiras, tiven que pensar en como me convertín nunha muller que opina. Aínda non estou segura de pertencer a esa orde. Igual que acontece coa denominación poeta, son as túas pares e lectoras as que deciden se o es. E se non me tiveran convidado a escribir en Luzes? Adánez describe os tipos de artigo de opinión. Réndeme coa súa seguridade mentres explica a clasificación, cunha lucidez que me interpela. Eu escribo dende o íntimo, percorro ese arco que agroma no cotiá, agárrome a el, como agora ao relador, mentres a cenoria cae no prato. Tento responder a esta pregunta: hai alguén a quen lle importe a miña opinión? Que valor ten? Por que a esfera pública non me resultaba atractiva ou relevante? Sempre foi abondo compartir coas amigas, compañeiras, outras poetas, editoras... Decátome de que subestimaba a importancia, o impacto dunha opinión que se publica. Por que non me interesaba ese espazo? Descubro escoitándoas, iluminadas polo violeta do escenario, que algunhas delas seguen a buscar respostas. A súa compaña leveda a tarde igual que a torta. E vexo nun plano a Claudia Morán entre o público. Mándolle unha mensaxe, dígolle que estamos xuntas.

Asinto cando falan da autocrítica, da severidade coa que xornalistas que leo ou escoito acotío tratan o seu propio traballo. Das dificultades, das renuncias. A encrucillada permanente de ser muller e profesional nos medios. Dar un paso atrás, recollerse. Dar un paso adiante, compartir. A trampa da excelencia. Reviso mentalmente os artigos ou reportaxes que asinei. Son poucos. Só escribo aguilloada pola urxencia. O detonante poder ser a morte de John Berger, as maternidades, a devoción por Xohana Torres ou Luz Pozo, os procesos creativos nos chefs estrela Michelin, a saúde mental, a pandemia… Escolmo o que considero imprescindíbel. Aseguro así o seu valor? Que temes? Empuño cada motivo coa esperanza de que a curiosidade, o entusiasmo ou a paixón convertan as miñas palabras en algo que importe. Hai temas especificamente femininos? Non.

Pasan as horas na súa compaña. Eu querería estar alí, sentada no patio de butacas. Para o ano non falto. Imaxino poder conversar con Adánez, preguntarlle a Ana Marcos e Elena Reina polo custe persoal de traballar como elas o fan. Ou a Raquel Rosa, pola coraxe de poñer o foco no que nos atravesa: "Pensei na nai do maquinista". Estar. Miralas de preto. Darnos a man. Aplaudir na foto final. Gardar o fío que nos tendemos unhas a outras ao lérmonos. Como é invisíbel, non poden rompelo