O alumnado de cinco institutos da cidade reivindica a Castelao e a súa pegada en Pontevedra
Dáse o caso de estudantes "que coñecen a figura de Castelao e non saben da súa vinculación con Pontevedra", polo que "é moi grave que alumnado que vive e estuda en Pontevedra non o asocie" á súa propia cidade, sostén a docente xubilada María Xesús López Escudeiro. Ela é unha das organizadoras do Roteiro dos institutos que se desenvolveu este venres, xunto con Anxos Rial, profesora do IES Sánchez Cantón, e Xosé Abilleira, presidente de Maiolongo, que seguiu as pegadas de Alfonso Daniel pola súa cidade de adopción.
Foi por iso que se argallou esta iniciativa, implicando directamente ao alumnado e ao profesorado de Galego. Participaron medio cento de estudantes de 4º da ESO e de 1º de Bacharelato dos IES A Xunqueira I, Frei Martín Sarmiento, Torrente Ballester, Sánchez Cantón e Valle Inclán. Así mesmo, forma parte das actividades do Ano Castelao, coincidindo co 75 cabodano do seu pasamento.
Escudeiro apunta que a idea foi do edil de Cultura, Demetrio Gómez. "Pareceunos que facer un roteiro sobre Castelao era interesante, pero máis aínda era buscar o xeito para que fora precisamente o alumnado o protagonista. Que foran quen de falar de Castelao e de por que o están facendo". De aí que se argallara esta iniciativa para "encher esas eivas", máis que o "clásico roteiro no que vai unha persoa falando do autor".
O grupo parou en varios enclaves emblemáticos da estadía do rianxeiro na vila do Lérez: o Museo de Pontevedra -onda o edificio que leva o seu nome-, a praza do Teucro, A Ferrería, a rúa da Oliva, "onde viviron Castelao e Virxinia [Pereira, a súa esposa] co seu fillo"; o Café Moderno, "obviamente", e o IES Valle Inclán, onde exerceu a docencia, lembrou López Escudeiro, cando era o Instituto de Pontevedra por ser o único. En cada punto a rapazada deu lectura a varios textos de Castelao ou preparados por eles mesmos sobre él. "Paréceme que o xeito de implicalos directamente ten outro significado, a súa participación activa, non digamos xa nestes tempos nos que é tan necesario reivindicar figuras tan senlleiras para a nosa cultura como a de Castelao".
O alumnado explicou en cada punto a vinculación de Castelao con ese lugar e tamén leu varios textos seus, como A marquesiña, O negriño Panchito e Meu Pontevedra.
"Aquí as pedras falan"
"As cidades non só son as pedras, os edificios. As pedras falan. E aquí no Teucro estamos ao lado da Imprenta Peón, onde se editou Os vellos non deben de namorarse, e aquí ao lado temos a sede do Partido Galeguista, e é interesantísimo que aprendan a ver a súa cidade cos ollos de toda esta xente que viviu e paseou por esta vila", concluiu a docente xubilada.
"Paréceme moi interesante, eu non sabía que había nada relacionado con Castelao por aquí, por exemplo", admite Sara Bouza, alumna do IES Sánchez Cantón. "É unha actividade moi interesante". "Ata o de agora non coñecía moitas das cousas que nos están contando os compañeiros doutros institutos e é moi interesante sabelo, xa que vivimos aquí", coincide a súa compañeira Alexia French.
O seu grupo preparou a parada do Café Moderno, onde se desenvolveu a vida política e artistica do rianxeiro. "Todas as veces que fun, saber que nalgún momento estivo alí el, sorprendeume", confesa Sara.
"Non se entendería Pontevedra sen os galeguistas daquela época"
"A Pontevedra actual, un referente mundial en moitas cousas, non existiría se non houbera homes como Castelao ou como Bóveda", afirmou o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, durante o seu discurso de benvida a carón do Edificio Castelao do Museo. O insigne rianxeiro "viviu aquí nos anos 20, foi onde se desenvolveu como político e defendou a nosa lingua e a nosa cultura e o dereito como galegos a ter un país que ten un gran futuro, pero que había que poñer en valor".
Galeguistas como Castelao impulsaron o Museo de Pontevedra, a Coral Polifónica "e mesmo a Caixa de Aforros", destacou. "Non se entendería a Pontevedra actual sen os galeguistas e nacionalistas daquela época". Así, mostrouse "encantado de queirades coñecer máis en profundidade a historia da cidade a través de Castelao".
O alcalde rematou afirmando que "todos temos a responsabilidade de poñer en valor o pensamento de Castelao e traballar polo futuro deste país. Interésanos coñecer a historia e aos precursores. É unha responsabilidade de todos nós".
