Vida salvaxe, inmigrante no planeta

Artículo Juan Antonio Pinto Antón

Aurdida da vida. Oito millóns de especies animais e vexetais. Imbricadas, interdependentes. Ata que chegou o monopolio do Antropoceno: unha soa especie humana copando recursos, ocupando espazos, muxindo ecosistemas. Sen percatarse da vital veciñanza das outras especies.

Investigacións de Nature, Ecology and Evolution mostran como a única pero insaciable especie intelixente está a varrer e expulsar a vida salvaxe da casa natureza. Animais acantoados en reservas minguantes como se foran ilegais nun planeta tan humanizado. E así, por cada animal salvaxe hai dez domésticos. Para comer, para termar das nosas soidades. Nas envellecidas cidades hai máis mascotas que nenos. Tantas, que cans, gatos e roedores pesan máis que o resto dos animais terrestres. El será posible? O Homo sapiens conquistou o ceo da terra. Din os demógrafos que en 1850 eramos 1.200 millóns, hoxe 8.000 millóns de seres humanos. Non hai oito mil millóns de baleas, elefantes ou barnaclas. Se naquela data a biomasa humana pesaba 20 millóns de toneladas, hoxe pesamos máis de 420 de seres vorazmente consumidores. Aínda que o apetito sexa igual o consumo anda mal repartido.

O planeta Terra está colonizado e só unhas poucas especies domésticas semellan ter dereito a terra e nacionalidade. Mesmo estamos a baldeirar os océanos, que ocupan o 70% da superficie do planeta. Se na metade do XIX os mamíferos marinos pesaban 135 millóns de toneladas, hoxe non chegan a 40. ¡E aínda protestamos se os golfiños devoran as nosas sardiñas! Ou se os senegaleses, con 531 quilómetros de costa baldeirada de peixe por megafactorías chinesas ou da UE, embarcan en pateras para pescar soños en Europa.

Mulleres e homes. Reis da Creación. Donos do planeta con dereito á vida é a morte sobre os animais salvaxes. Por cada león devorando unha cebra nun documental hai vinte cámaras de turistas facendo selfis sobre as raias brancas e negras, mandíbulas e sangue.

Donos das terras e dos mares. Señores do ceo e do ar. Porque voamos máis que todos os seres alados.

Desprazámonos máis en coche que a pé. Voamos máis en avións do que viaxan as aves do ceo. Elas, respectuosas co  medio. Nós, emporcallando o ar que respiramos. 

Os animais salvaxes, estabulados en pequenos recunchos, xa case non poden vivir libres. E iso que para as súas vidas e para a ecoloxía do planeta movemento e migracións son vitais. Como vital é entender que todas somos interdependentes, todos estamos imbricados no tecido da vida. Necesarios como necesarias son as dúas ás, feminina e masculina, para voar polos camiños da vida. Para non seren condenados á 'Primavera silenciosa' de Rachel Carson se silenciamos o paraíso. Se borramos de cores a vida. Se exiliamos do planeta a vida salvaxe e libre.