Este compendio

Unha muller maior le un libro. PIXABAY
Unha muller maior le un libro. PIXABAY

Unha parte importante dos artigos desta sección, Tía Manuela, aparecen compendiados nun libro de trescentas catro páxinas, editado por Lar Libros e a Asociación de Periodistas e Estudosos do Camiño de Santiago (Apecsa). Para o seu autor é como un enorme pracer observar e palpar a realidade da incorporación deste libro , 'Andares', aos estantes de novidades das librarías galegas. Parabéns e agradecemento da Tía Manuela para todas as persoas que o fixeron posible e, de modo moi especial, para vostedes lectores e lectoras. Parabéns polo seu tempo e o polo seu compromiso. Grazas.

'Andares' conta cun limiar do veterano xornalista Xosé María García Palmeiro. Grazas tamén para el, polo seu ben facer e polo seu saber. Segundo a introdución publicada nas primeiras páxinas do libro, "en agosto de 2015, incorpórase ás páxinas de tres xornais galegos, El Progreso, Diario de Pontevedra e El Correo Gallego, a Tía Manuela, unha sección semanal para recoller artigos de opinión e interpretación sobre un tema de actualidade ou suposta importancia para os lectores, sobre feitos que acontecen no país ou que teñen relación con esta terra, coas súas xentes, coa nosa cultura e coa vida diaria".

Enseguida, "La Región fai seu este artigo e honra ao seu autor publicándoo todos os mércores de cada mes e de cada ano. Máis adiante acolleron á Tía Manuela outros xornais, El Ideal Gallego, Diario de Ferrol, Diario de Bergantiños, Diario de Arousa, O Barbanza, Diario de Compostela e Diario de Santiago". Era, e segue sendo, "un artigo por semana, dirixido aos que escoitan, aos que len, a tódalas persoas que falan e ás que calan".

En cada un destes artigos faise "reflexión concienciuda e sinxela", apoiándose no sentido común, "nese coñecemento e nesas crenzas, máis ou menos compartidas pola nosa sociedade", procurando darlles espazo e voz aos que o precisan; tratando que ese sentido común sexa cada vez máis común.

Agora, nestes días, andaremos en presentacións. Iremos a onde nos chamen, sempre ao dispor de vostedes. Con este compendio de artigos, distribuídos en nove capítulos, recordaremos alí, onde cheguemos, que, como dicía Uxío Novoneyra en 'A letanía de Galicia' (1968), "sabemos que ti podes ser outra cousa/sabemos que o home pode ser outra cousa".

Comentarios