Aquí tedes cen mulleres que opinan: Pontevedra celebra o éxito do seu foro de mulleres xornalistas
"A todos aqueles que dicían que non había mulleres que opinaran para invitalas aos congresos, aquí teñen cen". Era o ano 2017 e o II Congreso Capital del Columnismo, celebrado en León, avanzaba os primeiros nomes das súas palestras: doce homes e ningunha muller. A indignación na profesión, sobre todo nas redes sociais, foi recollida por dúas xornalistas de Pontevedra, Susana Pedreira e Diana López Varela, para organizar un foro no que todas as participantes fosen mulleres. Co apoio de Carmela Silva (do PSOE e naquel intre presidenta da Deputación) e de Carme Fouces (do BNG e concelleira de Igualdade), naceu As mulleres que opinan son perigosas.
Para celebrar que, oito edicións máis tarde, se chegara ás cen relatoras, o evento recompilou as súas "ideas forza" nun libro, Cen mulleres que opinan, ilustrado por Bea Gregores, e nunha curta documental, realizada por Producciones Mutantes. Este sábado presentáronse as dúas cousas nun acto, celebrado no edificio Castelao do Museo de Pontevedra, ateigado de público e que deixou a arredor de medio cento de persoas fóra por falta de espazo.
As xornalistas Marta García Aller (El Confidencial, Onda Cero) e María Varela (Diario de Pontevedra), que participaran na primeira edición do foro, Olga Viza (Antena 3), que estivo na edición do ano pasado, e María Hermida (La Voz de Galicia), que estivo na deste mesmo ano, falaron da importancia que foi gañando, dentro do oficio e fóra del, este espazo protagonizado por mulleres xornalistas.
"O gran valor deste foro é o público", destacaban as dúas coordinadoras da proposta, que lembraron que o proxecto, que se puido sacar adiante grazas aos equipos de Igualdade tanto da Deputación como do Concello e que trouxo a Pontevedra a referentes como Rosa María Calaf, Lucía Méndez ou Pepa Bueno, encheu o Teatro Principal en diferentes ocasións ao das diferentes edicións.
Marta García Aller: Hace siete años era normal ver tertulias solo de hombres. Hoy no tanto, entre otras cosas, porque vosotras pusisteis pie en pared
María Varela: Este foro supuxo, en xeral, unha sensación de empoderamento que nos facía moita falta
"Para nós é un proxecto vital e de amizade", explicou Diana López Varela. "Por iso, cando botamos contas, apeteceunos celebrar que chegabamos ás cen mulleres que opinan", engadiu Susana Pedreira. Na obra recóllense, segundo dixeron, os distintos temas que foron protagonizando palestras: feminismo, activismo, exercicio da opinión, maternidade, saúde... "e, sobre todo, xornalismo", concluíron.
"Hemos avanzado, pero yo sigo reconociendo esa mirada tuerta de los medios. No estamos representadas todas las que deberíamos. Porque somos la mitad", dixo Marta García Aller, que lembra aquela primeira edición como "muy emocionante y subversiva". "Hace siete años era normal ver tertulias solo de hombres. Hoy no tanto, entre otras cosas, porque vosotras pusisteis pie en pared", engadiu, poñendo en valor o proxecto das pontevedresas. "Si las mujeres no opinamos más es porque nos faltan los micrófonos".
María Hermida: Participar no encontro supuxo unha explosión de felicidade da que saín moi reforzada
Olga Viza: Habéis hecho comunidad porque, aunque no seamos conscientes, estamos todas conectadas
Para María Hermida participar no foro "foi unha explosión de felicidade, da que saín moi reforzada" á que lle seguíu un periído de dubidas e medo tras a exposición pública que supuxera. Hoxe considérao superado. Como na súa palestra volveu falar de saúde mental. "O xornalismo quitoume parte da miña saúde mental e a maternidade e a lactancia quitáronme o resto".
María Varela tamén eloxiou o que significou para ela participar no foro. "Empoderoume moito, abriume os ollos a moitas cousas e levoume a seguir aprendendo", dixo. "Creo que, en xeral, supuxo unha sensación de empoderamento que nos facía moita falta".
Olga Viza pechou o acto recoñecendo que, aínda que as cousas seguen avanzando, non o fan tanto como deberían. "Solo conozco tres casos de mujeres en la dirección de las redacciones deportivas de este país", sinalou. "Aún estamos a pico y pala". Ao tempo, eloxiou o traballo de As mulleres que opinan son perigosas. "Habéis hecho comunidad porque, aunque no seamos conscientes, estamos todas conectadas".
