José Manuel González Abal: "Dende o punto de vista do tráfico, Pontevedra é a cidade máis segura do mundo"
Toda a súa vida profesional está vencellada á Policía Local: primeiro en Marín, onde botou 14 anos, e dende decembro de 2000 en Pontevedra, onde é ben seguro que acade a xubilación como intendente principal, cargo que antes ocupaba Daniel Macenlle. José Manuel González Abal (Cuntis, 1964) recoñece que "o proceso está xa en marcha e son o único que pode ocupar ese posto".
Cal foi o maior cambio que notou cando chegou a Pontevedra?
Basicamente, o número de xente na rúa. Marín era un concello pequeno e como moito había catro axentes operativos. Aquí, en canto xurde un problema, hai catro ou cinco patrullas de apoio. Iso da moitísima máis seguridade nas intervencións.
O principal problema que se atopou foi...
Todo o que ten que ver coa seguridade do tráfico. Logo, digamos que a cousa estaba algo anticuada nos procedementos e houbo que ir modernizándoos. Tamén había falta de mandos e iso se transmite á organización.
Como era entón o tráfico?
Ainda había un caos. Moitas retencións. Cando chegaban Navidades, os problemas eran brutais. O tráfico agora mesmo, en comparación a cando eu cheguei, é case unha panacea. Pode haber problemas puntuais, pero daquela eran a diario. Pasabamos un montón de horas regulando o tráfico.Tambén é certo que a tecnoloxía mellorou e os controis semafóricos xa se fan dende a sala de control de tráfico, cando entón facíase manualmente.
A Policía Local de Pontevedra é un corpo dimensionado ou ainda necesita algún reforzo?
Nunca se pode dicir que está completo. O número de prazas totais son 120 persoas máis 3 en segunda actividade, ou sexa, 123. De estar todas operativas, o corpo estaría relativamente ben dimensionado. O problema é que cada vez que se producen vacantes, o tempo de cobertura é moi longo, polos trámites administrativos. Dende que se produce unha vacante ata que tes un sustituto poden pasar dous anos, entre publicacións, procedementos e formacións.
Cantas desas 123 quedarían por cubrir agora mesmo?
Por redondear, entre mandos e axentes, máis ou menos unha ducia de vacantes. E debo dicir que o Concello, con respecto á Policía Local, é tremendamente rápido. Cada vez que se xeran vacantes, tan pronto se pode, convócanse e cúbrense.
A un xefe sempre se lle pide un pouco de man esquerda e un chisco de man dereita. Como está sendo a súa experiencia?
Estou moi contento coa xente. Estase traballando moi ben, creo que estamos mellorando moito na nosa forma de funcionar e estou moi a gusto, tanto cos mandos como cos policías.
Percibe que os cidadáns fanse cedo ás novidades no tráfico cando se producen ou estaé unha cidade moi apegada ós costumes?
En líneas xerais, creo que sí as comprenden. Non temos nada que reprochar, porque sábese que ó final mellora a calidad de vida e, sobre todo, mellora a seguridade do tráfico. Os datos están aí: desde o punto de vista do tráfico, Pontevedra é a cidade máis segura do mundo. Porque aquí non temos practicamente ningún accidente grave e levamos un montón de anos sen mortos. Iso a xente tamén o percibe, porque polo prezo de ter un tráfico máis pausado calmado, conseguimos que os peóns poidan camiñar tranquilos e seguros. Ese é o obxectivo principal, porque aquí o protagonista é o peatón.
Pero a picaresca é algo inherente ó ser humano. Onde están os puntos quentes?
Máis recentemente, Virxe do Camiño. Cando se peatonalizou non houbo problema ningún e todo o mundo o entendeu porque viu que era un cambio necesario. Transcurridos dous anos, empezamos a detectar que hai uns circuitos de xente que aproveita para colarse cara outras vías que non ten por que pasar por alí, porque é unha zona peatonal e non debe ter tráfico de paso. Outro punto quente é a zona monumental. E tamén as zonas de servizos, onde hai un certo relaxamento. Foron zonas pioneiras que dan un resultado estupendo á hora de estacionar durante un tempo determinado, para facer unha xestión. Iso vai co modelo de cidade: que só acceda o tráfico de necesidade. Pero a xente empezou a abusar, aproveitando que o control era máis difícil. Así que unha das miñas primeiras decisións foi incrementar o control e xa están funcionando moitíximo mellor. Igual que as zonas de carga e descarga.
Esa maior vixiancia conleva máis sancións? Hai conductores que se queixan de recibir unha multa ós 16 minutos de aparcar...
Iso non é certo e invítolle a calquera a que mo demostre. Porque non vai poder facelo. Intentamos ser un pouco flexibles e comprensivos, porque ás veces os 15 minutos non son suficientes. Pero o que non se pode tolerar é que un coche bote dúas horas.
Custou concienciar sobre a zona 30 en todo o Concello?
O que pretendemos é que a xente adapte o comportamento ás necesidades da vía. En vías urbanas, 30 km/hora nunha configuración como a da nosa cidade, que lle da prioridade ó peón, é unha velocidade suficiente para desprazarse sen ningún tipo de retraso; por correr máis, vaise atopar cos mesmos semáforos e coas mesmas rotondas. Pero en calquera caso, tamén somos proporcionais, e sabemos que os 30 km/ha pola noite non son o mesmo que polo día.
Tradicionalmente, as policías locais levan asociado o sambenito de "só estades para recaudar". Segue de moda ou vaise diluindo?
Probablemente o estigma continúe, pero nos facemos todo posible para tratar de eliminalo, porque non é verdade. Aí están as estatísticas para reflexar a cantidade de servizos que prestamos ó cidadán, porque é o noso obxectivo. Non queremos crearlle problemas á xente, pero en determinadas ocasións tristemente hai conductas que deben ser denunciadas e sancionadas, porque se nón sería imposible convivir.
Diría que todas as multas son xustas e necesarias?
Persoalmente considero que as multas administrativas deberían ser proporcionais ós recursos do infractor, como xa ocorre coas sancións penais. Porque así como a retirada de puntos dóelle a todos por igual, no tema de cartos, non teñen o mesmo impacto entre alguén que a pode pagar sen problema que para quen chega xusto ou non chega a fin de mes.
Que outras funcións da Policía Local, fóra do Tráfico, destacaría?
Todas as que teñan que ver coa convivencia: ruidos, obras ilegais, discusións, incidencias... Unhas veces temos que mediar, e outras, sancionar.
Están a trascender agora os chamados narcopisos, pero no seu momento a Policía Local puxo o foco nos locais de movida. É un problema que nunca morre?
O problema sempre está aí, só cambia de escenario. Cando eu cheguei, se traballou moito na erradicación do trapicheo en locais de ocio e pechamos varios. Agora están os narcopisos, que están a centrar os nosos esforzos, porque xeneran moitos problemas ós veciños.
Neste eido, que papel xoga a colaboración cidadán?
Fundamental, básico. Porque os cidadáns son os que nons dan o fío para investigar. É moi difícil detectar de xeito aleatorio onde hai un foco.
Seguindo coa seguridade a pé de rúa, cada certo tempo xorden conflictos con algúns indixentes, sobre todo en Campolongo e na Ferrería. É unha batalla perdida?
A ver, é toda xente en situación de exclusión social. Policialmente é moi difícil atallar o problema, porque as medidas que nos podemos adoptar non os motivan. Podemos denuncialos (e o facemos) por estar consumindo drogas na vía pública, por escándalos, por miccionar na vía pública... Pero son persoas sen recursos que non van facer frente ás multas. Por iso digo que é máis un problema social, porque dende a Policía o único que podemos facer é estar pendentes, que se nos vexa e pouco máis.
Hai un tempo, a Policía Local destapou unha rede de fraude nos seguros de coches. Seguen moi pendentes desta obriga?
Foi outra das funcións nas que se empezou a traballar de xeito moi intenso cando eu cheguei aquí. En ocasións mesmo nos teñen acusado de ser excesivamente ríxidos co tema dos seguros obrigatorios, pero entendemos que é algo básico para que as vítimas -que son as que importan ao final cando hai un sinistro- teñan a indenización que lles corresponde e queden protegidas. Somos moi belixerantes con ese tema e en canto detectamos un vehículo que non o leva, imediatamente o inmobilizamos, aparte da denuncia correspondente, que son bastante fortes. No caso dun turismo, ascende a 1.500 euros.
"No tema dos patinetes eléctricos falta concienciación, pero ás veces tamén temos que sancionar"
Un novo elemento que está a alterar a convivencia cos peóns son os Vehículos de Mobilidade Persoal (VMP), os chamados patinetes eléctricos. E as bicis. Malia que existe unha ordenanza, aínda segue véndose moito abuso...
A industria normalmente explora nichos de mercado e vai por diante sempre da lexislación. Neste caso, había tal variedade de modelos que non había xeito de encaixalos nunha norma. O Concello anticipouse e fixo unha ordenanza que regulaba o problema e que xa se está a aplicar. Mentres tanto, os usuarios campaban ás súas anchas, porque a conducta non estaba prohibida. Pero o escenario mudou. Para empezar, a nova lei estatal xa obriga a que todos os aparatos que se comercialicen a partir de xaneiro de 2024 teñen que sair cun certificado de características. Todo o que exceda ese certificado pode ser considerado ciclomotor e, por tanto, se lle aplica a normativa de ciclomotores. Ademais, a partir de xaneiro de 2027 todos aqueles anteriores a 2024 e que non teñan certificado de características, quedarán completamente excluídos da circulación polas vías públicas porque serán ilegais.
Como se poden atallar eses comportamentos incívicos?
Ó non haber normativa anterior que o prohibira, calou entre a cidadanía que os VMP podían ir por calquera sitio. Pero xa non é así e falta concienciación social e coñecemento, entre os usuarios dos VMP e entre os cidadáns. Tamén vai ser obrigatorio o seguro, algo que se descoñece. Mentres, só podemos sancionar cando vexamos unha infracción, porque ás veces non queda outra opción.
"Imos facer controis de alcoholemia tódolos días en sitios distintos"
A Policía Local tamén intensificou os controis de alcoholemia, sobre todo nas fins de semana. Preocúpalle as alertas que se lanzan polos grupos de WhatsApp?
Para nós non é un problema importante. Evidentemente, desanimo a que se avise dese tipo de controis, porque establécense precisamente coa función de mellorar a seguridade vial, non para denunciar. Porque ese é outro dos conceptos que a xente, penso que interesadamente, sempre ten: que os controis se montan só para recaudar. Iso é falso. Móntanse para detectar infraccións que poden ser perigosas para a seguridade vial. E cando se lanza un aviso, se está avisando a potenciais delincuentes para que eviten ser sancionados ou detidos. Iso é o que non se pode facer.
A axilidade dos controis locais permítenlle ser inmunes a esas advertencias?
Non sei se inmunes, pero o certo é que non nos xera demasiado problema, porque os nosos controis, ó ter ámbito urbano, os movemos fácil. E ademais é o que facemos habitualmente: agora estou aquí, en media hora estou noutro lado. Non é doado detectarnos, porque non damos tempo a que se poida avisar debidamente. Aparte de que en moitas ocasións temos dous controis simultáneos e xa está.
Precisamente por ese ámbito urbano, hai a sensación de que a xente se reprime máis á hora de coller o coche...
Obxetivamente non se pode acreditar iso, pero si é unha percepción que eu tamén teño. Os controis no ámbito urbano si son máis disuasorios, porque además invitan máis a non tocar o coche. Porque a xente sabe que en Pontevedra o van a ter si ou si. Aquí hai controis todas as noites, serán máis ou menos duradeiros, haberá un ou dous, pero é impepinable que todas as noites vai haber controis de alcoholemia. Dependerá da noite, dos efectivos que teñamos e de moitas circunstancias, pero quero deixar claro que os controis de alcoholemia vanse facer tódalos días, e non só durante as fins de semana.